Luis López chama a conquistar a igualdade desde a educación ante 400 estudantes participantes do primeiro premio “E ti, que pensas da igualdade”

O presidente da Deputación, acompañado pola deputada de Benestar Social e Igualdade, Sandra Bastos; destacou a elevada participación na primeira edición deste certame despois de entregar os galardóns aos gañadores das nove categorías

15/05/2024

Luis López chama a conquistar a igualdade desde a educación

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, entregou este mércores os primeiros premios "E ti, que pensas da igualdade", promovidos polo ente provincial, nun auditorio do centro Príncipe Felipe no que se reuniron preto de 400 estudantes Educación Primaria, Especial, Secundaria, Bacharelato e FP procedentes centros de toda a provincia. "Ao ver este auditorio cheo de 400 rapazas e rapaces, chegamos a dúas conclusións claras: a primeira é que acertamos con este premio e a segunda é que a igualdade é o futuro da provincia", confesou o presidente da Deputación despois de entregar os 21 galardóns da primeira edición deste certame.

O concurso consistiu na elaboración por parte dos estudantes dos distintos cursos de traballos individuais ou grupais que reflectiran o que entenden eles e elas por igualdade. Deste xeito, os de Primaria elaboraron debuxos, collages e contos; mentres que os da ESO e FP fixeron bandas deseñadas, videopoesías, cancións e podcasts. "Uns traballos que van nunha mesma liña, compartindo unha mesma causa e unha mesma reivindicación: A nosa sociedade camiña cara a Igualdade plena e real entre homes e mulleres, na nosa provincia rexeitamos calquera tipo de discriminacións entre homes e mulleres e a  nosa veciñanza está comprometida para pechar esas fendas de xénero que son cada vez máis estreitas, pero tristemente aínda existen", recoñeceu Luis López, que entregou os premios en compañía da deputada provincial de Benestar Social e Igualdade, Sandra Bastos.

Neste sentido, o titular do goberno provincial explicou aos participantes na primeira edición deste certame "E ti, que pensas da igualdade?" cal era o obxectivo da Deputación ao convocar estes premios. "Uns premios pensados para que sexades vós, a xente máis nova da provincia, os que nos ensinedes a nós, aos maiores, que pensades da Igualdade. Porque a visión que tedes vós sobre a igualdade pode ser moi diferente á que temos os adultos. Mellor, seguramente. Sen vós non imos poder construír esa sociedade do futuro que estou seguro que será unha sociedade: igualitaria, xusta e inclusiva", asegurou López.

Ademais, o presidente animouse tamén a confesar aos asistentes a esta entrega de premios como entende el a igualdade. "Eu son pai dun neno e unha nena e imaxino a igualdade como un futuro no que os dous poidan medrar e ter as mesmas oportunidades sen que un sexa máis que o outro, que sexan valorados por como son e polo seu traballo e, sobre todo, sen sufrir ningún tipo de discriminación de ningún tipo", explicou. Unha meta pola que se traballa a diario desde a Deputación a través de medidas como a convocatoria de certames novidosos como este ou o de "Boas prácticas en igualdade", os actos de conmemoración de días como o 8-M ou o 25-N, así como iniciativas encamiñadas a poñer en valor o traballo de mulleres como "Aqui faltan páxinas", "Mulleres que opinan" ou "Pontevedra e América, unha mirada en feminino".

"Volvo darvos os parabéns e recórdovos que conseguir unha sociedade igualitaria é cousa de todos: de homes e mulleres, de nenos e nenas e de institucións como esta Deputación ou os colexios. E vouvos pedir algo: que nos contedes que pensades da igualdade durante toda a vida", concluíu o presidente Luis López.

Acta do xurado coa listaxe completa de premiados (pdf)

Galerias de imaxes